Conxita López Martín

Psicóloga colexiada G-2981 do COPG, membro do GIPCE, psicoterapeuta familiar e docente acreditada pola ATFM de Galicia

A angustia do apagamento: como xestionar as emocións e a psicoloxía no medio dunha crise

A angustia do apagamento: como xestionar as emocións e a psicoloxía no medio dunha crise

Colaboración nun artigo de Moncho Mariño para galiciaconfidencial.com sobre a situacion vivida durante o apagamento do luns 28 de abril.

EXTRACTO DO ARTIGO:

Conxita López é membro da comisión de coordinación do GIPCE. Este grupo de psicólogos e psicólogas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou un convenio coa Xunta de Galicia en 1997, aínda que comezaron en 1996 cos movementos sísmicos en Lugo e Ourense de 1996 co nome Grupo de Protección Civil. Diante disto, e logo de moitos anos con experiencia, a pregunta sae por ela mesma: “que facemos nun momento así?”.

“Ante todo, comprensión, comprender o que está sucedendo e buscar a maneira de adaptarse” di Conxita López. A falta de electricidade ía supoñer unha dor de cabeza ou crear ansiedade sobre todo en adolescentes afeitos e afeitas como están ao esaxerado úso do móbil ou celular. E de súpeto, os máis novos comezaron a adaptarse: “amigas dicían que estaban vendo adolescentes lendo un libro”, en Redondela os máis novos xuntábanse nos parques ou na praia, isto mostraba que os nosos mozos e mozas non perderon a habilidade de interrelacionarse sen usar os teléfonos móbiles.

A calma é esencial, é doado dicilo, mais cando toda a axenda, as viaxes programadas, as tarefas para manter en marcha a maquinaria do día a día quedan interrompidas sen aviso, que ocorre? O caos. Ante a falta de control as persoas sentímonos desamparadas, impotentes e buscamos unha resposta inmediata que nos dea unha solución. Mais, que aconteceu o día 28 para que non houbese unha concatenación de disturbios, intervencións policiais, de equipos sanitarios, etc?

“Cando sabemos quen ou que é o culpable encéndese a ira” di López. Mentres, cando non hai un culpable definido, cando a “alteración da orde” está motivada por algo que nós non podemos controlar, (a falta de luz) as persoas resígnanse, buscan alternativas ou esperan unha solución. E se o apagamento durase unha semana? “Sería moi duro, mais acabariamos adaptándonos”. Algo así aconteceu co peche durante a COVID, ninguén nunca até aquel momento pensou nun peche mundial da poboación para frear as consecuencias do virus “e estivemos tres meses nas nosas casas”.

Por que os nenos se portan peor con mamá e papá?

Por que os nenos se portan peor con mamá e papá?

Colaboración nun artigo de Alba Prada Estévez para El Correo Gallego sobre este tema tan recorrente nas familias. A clave está na teoría do apego: os cativos e as cativas séntense seguros/as coas súas figuras de referencia e con elas poden permitirse explorar límites e expresar as súas emocións.

A previsibilidade das figuras de apego, o seu amor incondicional, a busca de validación fóra da casa e a necesidade de encaixar explican por que o comportamento cambia segundo o contexto. A educación emocional e unhas normas claras axudan a xestionar esta realidade.

 

É acertado que os nenos vexan os clásicos Disney?

É acertado que os nenos vexan os clásicos Disney?

Colaboración nun artigo de Alba Prada Estévez para El Correo Gallego sobre se os cativos e as cativas deben ter como modelos as princesas Disney, exemplo de moitos dos estereotipos machistas que renxen hoxe en día.