Artigo de opinión en La Voz de Galicia sobre como falarlle a un rapaz ou rapaza da morte. Un tema do que todos/as escapamos: a familia, o profesorado e a sociedade en conxunto.
CONXITA LÓPEZ MARTÍN - 05 MAR 2022
Apoia o traballo dos medios de comunicación e dos seus profesionais: visita o medio oficial!
Profe, cando toca falar da morte en clase?
Como falarlle a un rapaz ou rapaza da morte? Desde sempre é un tema que preocupa. E por riba, dános pudor facelo. Tentamos esquivalo tanto na casa como no centro educativo. Cando son cativos porque non se decatan e mandámolos á casa da veciña (agora resulta que a cativada ademais de ser pequena é parva) e se son adolescentes, para que facelos sufrir? Xa llo dirán as súas amizades ou o profesorado. Ou mellor, xa se informarán polas redes sociais, que son nativos dixitais.
En fin, así estamos. Con estas ideas movémonos. Para que falar da morte se, total, a todo o mundo nos vai tocar? Pois por iso, precisamente. Porque temos o mal costume de morrer e, sobre todo, porque non sabemos cando nos van chamar á porta. Vainos tocar. A maioría non sabemos cando, pero cada día que pasamos neste mundo é un máis de experiencias pero tamén un máis a descontar do noso calendario persoal. É, curiosamente, o único que hai seguro neste mundo (aparte de pagar impostos, permítanme a broma) e resulta que ninguén nos prepara para isto. Certamente, temos uns rituais sociais e relixiosos como a visita ao tanatorio e o acompañamento na misa de funeral e no enterro ou incineración, pero nada máis. Ábrese o proceso de dó para quen queda aquí e xa está.
Desde que apareceu a pandemia, moitas persoas tiveron perdas familiares e de amizades das que nin se puido despedir e os/as menores, de igual xeito, dun día para outro perderon membros da súa familia, veciños, amizades... E sen explicación ningunha, porque nunca ninguén se preocupou polo benestar emocional do alumnado nin de falarlles da morte nin antes da pandemia, nin agora. Antes porque andabamos ocupados noutras cousas, porque só morren os demais. Seguimos enganándonos a nós mesmos e crendo as nosas propias mentiras.
As psicólogas e psicólogos educativos temos que ir facendo pedagoxía da morte cando sucede unha desgraza: un falecemento por accidente ou morte súbita, un suicidio... Entón si, que veñan moreas de profesionais da psicoloxía atender o alumnado afectado, esquecendo que tamén o profesorado, o persoal non docente e o resto da comunidade educativa está afectado e que nunca trataron o tema cando estudaban.
Como é posible que a estas alturas non se traballe este tema transversalmente nas aulas? Como non hai unha materia que nos axude a vivir do mellor xeito posible sendo conscientes de que temos data de caducidade e que cando nos toque abandonaremos este mundo? Como é que lle falamos ao alumnado dos avances científicos máis abraiantes e non do único seguro polo que imos pasar cada quen de nós?
Profe, cando toca falar da morte en clase?


